La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vin a Barcelona para dar unha conferencia na Fundación La Caixa e cheguei cedo no primeiro avión da mañá. O taxista que me trasladou desde o aeroporto ata o hotel non debía ter moito frío porque se empeñou en manter a ventá aberta aínda despois de que lle pedise que fixese o favor de pechala. Supoño que non me escoitou, porque no mesmo instante en que eu lle estaba formulando a miña petición, el empezaba a facerme unha pregunta. Díxome: “¿Non pensa vostede que Toshack, o adestrador do Real  Madrid, ten cara de foca?”

Quedei tan desconcertado que non souben que responderlle. Creo que non lle importou demasiado pois deseguida me decatei de que o único que pretendía era falar dun asunto que, polo que puiden comprobar, lle interesaba.  En realidade o home tiña unha teoría elaborada, que ademais supoño que consideraba enxeñosa, sobre todo para un partidario do Barcelona, como demostrou ser el, rival polo tanto do club madrileño. Polo visto, segundo me informou, o señor Toshack fixo nos últimos días unha serie de declaracións que autorizaban a clasificar o Real Madrid como un zoo.

Nunha desas declaracións dixo que era máis fácil ver un porco voando por riba do estadio Santiago Bernabéu que el rectificase. Noutras comentou que as críticas lle esvaraban por riba como a auga nas costas dun pato. O taxista entendía que o porco era o presidente do club, cousa que eu dubidaba, e que o pato viña ser o propio adestrador, o cal resultaba evidente. Finalmente contoume que Toshack dixera tamén que, nun partido, os seus xogadores correran como polos sen cabeza. Polo tanto, concluíu triunfante: “Cousa de animais. E por riba o técnico ten cara de foca”. O curioso é que o taxista parecíase moito a un paxaro.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de novembro de 1999.