La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Achegueime a San Sebastián, ou Donostia, como din os vascos, para participar nuns encontros de críticos e narradores organizados pola UNED. Nada máis chegar á cidade, fun ao hotel para deixar as cousas, mentres os organizadores me esperaban abaixo. Fíxenos agardar máis da conta porque descubrín, ao mirar pola fiestra, que o meu cuarto daba á praia da Concha e que ademais dispuña dun balcón enorme, colgado practicamente sobre o mar. Non puiden evitar a tentación de sentar nun sillón e poñerme a contemplar iso que os libros mal escritos, feitos para turistas rápidos, chaman unha paraxe incomparable, é dicir, unha vista fermosísima. Non me pasou pola cabeza que facer esperar os meus anfitrións puidese ser descortesía.

Había tempo que non estaba en San Sebastián. A cidade atopeina chea de vida, con moita xente contenta polas rúas, fermosa e tranquila. Xa sei que esta imaxe idílica non se corresponde coa idea que temos dela desde fóra, pero as cousas nunca son tan rotundas como parecen desde lonxe. Xerusalén non é o inferno que se ve na televisión nin no interior do Vaticano se atopa a porta por onde se pasa desde a terra ata o ceo, previo un empuxón do Papa en dirección á santidade.

Durante o xantar ao cal me convidaron os amigos, falamos de todo isto. Ao longo de dúas horas, incitados polas curiosidades que sentía, responderon ás miñas incertidumes e fixeron análises moi intelixentes sobre a situación do seu país, cada un desde o seu propio punto de vista, con matices baseados en diversas experiencias persoais. Confeso que poucas veces oín falar deste asunto con tanta intelixencia e con tanto rigor. Tamén con tanta preocupación e con tanta amargura. Agradecinlles a explicación. Logo, retireime un momento ao meu cuarto do hotel. Sentado de novo no balcón, recordei o que me dixeran. Pareceume todo tan claro, que me deu a sensación de non entender absolutamente nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 16 de novembro de 2000.