La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Unha longa viaxe

Vinte e dúas horas son demasiadas horas para ir desde Galicia a Baltimore. De maneira que, aínda que cheguei aquí ás once da noite, hora local, para min eran as cinco da mañá: catro avións, moito tempo de espera entre uns e outros, e por riba ter que aturar unha señorita impertinente, membro de seguridade dunha compañía aérea americana, que se empeñou en que eu transportaba na miña equipaxe nada menos que unha daga. Durante uns minutos estiven baixo sospeita, como se quixese secuestrar un avión.

Quen transportaba a daga era un señor americano. Sacáronlla diante de todo o mundo e todo o mundo se puxo a mirar para el como se fose un criminal repugnante que nos quería levar a Cuba. A min non me pareceu máis que un pobre turista pasado por Toledo, onde sucumbiu ao mal gusto de mercar un deses horribles puñais.

O caso é que despois dunha viaxe tan longa e co cambio de horario, un acaba perdendo o sono. Foi o que me ocorreu cando cheguei. Menos mal que en Nova York merquei a revista Vanity Fair e tiven a sorte de que nunha das primeiras páxinas viña un anuncio que utilizaba como gancho a Jean-Paul Sartre e o existencialismo. No final da páxina, a toda cor, despois  de citar a coñecida frase que di que o home está condenado a ser libre, falaba do gusto de xirar a chave da luz e poñerse a durmir. Foi o que fixen.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de novembro de 1994.