La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, o profesor Edward F. Stanton, o maior especialista que hai nas relacións de Ernest Hemingway con España, envioume desde os Estados Unidos unha serie de material moi valioso para o libro que estou rematando sobre Hemingway en Galicia, que aparecerá no próximo mes de novembro. De todo o material que me enviou, á parte dun texto no que o novelista escribe sobre uns mariñeiros da Coruña, que eu non coñecía, chamoume moito a atención un artigo, publicado nunha revista norteamericana en plena Guerra Civil española, no que escritor comenta unha fotografía na que se ven uns bispos, brazo en alto, na porta da catedral de Santiago.

A pesar de que o escritor, no seu amargo comentario, dá datos precisos e confesa o seu amor por aquel templo, que considerou sempre o máis fermoso do mundo, desde o primeiro momento en que vin a foto tiven a impresión de que Hemingway estaba trabucado e que confundía aquelas imaxes con outras parecidas, tamén publicadas na prensa internacional con caracteres de grande escándalo.

Para comprobalo, necesitaba ver unha fotografía da fachada do Obradoiro, co obxecto de comparala coa que viña na citada revista. Entón trasladeime desde o meu despacho ata a biblioteca do Consello da Cultura Galega, onde me atopaba, e busquei en varios libros, pero ningún me servía porque todos daban fotos de conxunto, nas que era difícil percibir os detalles. De pronto, decateime de que, só con mirar a traveso da ventá, tiña a catedral diante, a escasos metros, enteiriña para min, sen intermediarios. Ás persoas que andamos entre libros, acontécenos ás veces isto, que entendemos que a vida está sempre en letra impresa. Igual que comer os caramelos con papel.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30  de outubro de 1999.