La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En concreto, non sei que cousa mala debeu facer o senador americano Bob Packwood para que o desposuísen do seu cargo. Polo que puiden ler estes días nas revistas que chegan de alá, foron pecados cometidos co corpo os que levaron aos seus compañeiros a tomar unha decisión que ten escasos precedentes e que conmoveu fondamente a opinión pública dos Estados Unidos. Por outro lado, ao non formularse acusación diante dos tribunais, hai que pensar que se tratou dalgunha cochinada privada, sen dano para terceiros.

En Washington, que é unha cidade onde os cotilleos veñen ser como os buracos do queixo, todo se sabe en segredo e polo baixo, pero nada se coñece ata que aparece na superficie, quérese dicir, nas páxinas dos periódicos. En cuestións de saias, por exemplo, os nomes dos senadores con amantes circulan de boca en boca.

Todos estes pecadores subterráneos votaron implacablemente contra o senador Bob Packwood, convertido agora no símbolo da vergonza e o deshonor. Desde a rúa, a xente aplaudiu, satisfeita de que, por fin, os políticos non se tapen uns aos outros, como facían ata agora. Non está mal, un adianto é sempre un adianto. O problema está en saber quen vai protexer a sociedade dos outros senadores carotas e quen vai convencer a opinión pública de que non hai motivo para tanta alegría: o queixo segue cheo de buracos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28  de outubro de 1995.