La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Non é frecuente que a un lle dediquen un libro. Non me refiro ás dedicatorias autógrafas que os autores escriben nas páxinas iniciais das súas obras cando lle son solicitadas por algún lector. Falo das dedicatorias impresas, esas que forman parte do libro e que comprometen toda a edición. A pesar de que teño bastantes amigos escritores, só dispoño de dúas destas últimas. Confeso que me fixeron moita ilusión e que as agradecín fondamente. Sempre resulta agradable recibir mostras de afecto. Das outras, aínda que conto con centos delas, algunhas realmente notables, non é o mesmo. A miúdo non se pode distinguir a cortesía da amizade.

Un amigo meu que acaba de publicar un libriño moi divertido que se titula O gato sorprendeume coa dedicatoria que puxo á fronte da edición. Di así: “Este libro sobre o gato está dedicado ao gato Samuel”. Deume tanta alegría como se o gato fose eu. De maneira que cheguei á casa feliz, disposto a celebrar o acontecemento, que en realidade non era para min, senón para o suxeito da dedicatoria.

Tardei en decatarme de que non había maneira humana de explicarlle a Samuel a novidade e que de agora en diante, per in saecula saeculorum, o seu nome vai figurar por dereito propio na pequena historia do libro deste país. Aínda así, non renunciei a dicirllo. Díxenlle: “Samuel, dedicáronche un libro. Hai que celebralo”. Naturalmente, non entendeu, pero eu entendía por el. Así que me sentei comodamente na butaca onde me sento sempre, invitei ao gato a que subise ata o meu colo, fíxenlle algunhas caricias no lombo e inviteino a unha galleta, que comeu encantado. Logo puxémonos a ver a televisión. Pareceume o mellor xeito de celebrar unha cousa así.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25  de outubro de 1998.