La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Aínda recordo de maneira moi viva a inquietude que se adonou da cidade de Ourense, alá polo outono do ano 1962, cando a don Vicente Risco se lle ocurreu escribir un artigo comentando unha noticia chegada da India, onde uns astrólogos acababan de predicir a fin do mundo para un venres ou un sábado de outubro. De súpeto, houbo xente que empezou a chamar á redacción do periódico e á radio preguntando polas posibilidades de que o cataclismo se producise e o mundo desaparecese para sempre.

Acordeime daquel episodio onte pola tarde, concretamente cando o reloxo marcaba as cinco e media. Trinta minutos antes, como se sabe, tiña que ser a fin do mundo, tal como estaba previsto desde o século XVII por un bispo irlandés. Nesta ocasión, unha vez máis, a profecía non se cumpriu, afortunadamente.

A hora e a data foron calculadas polo prelado tendo en conta complicados estudos de tipo matemático aplicados á análise da Biblia, en virtude dos cales chegou á conclusión de que o mundo fora creado por Deus o día 22 de outubro do ano 4004 antes de Cristo ás cinco da tarde e debía acabarse seis mil anos despois, é dicir, onte. Dáme a impresión de que nesta ocasión, ao revés do que sucedeu no caso de Risco, a xente non se preocupou do vaticinio. Era demasiado científico e racional para ser tomado en serio.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23  de outubro de 1996.