La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

De Madrid seguín viaxe ata Frankfurt para asistir á Feira do Libro. Non cheguei a tempo de ver e escoitar a Leni Riefenstahl, que presentaba aquí a súa biografía. Sentino ben. Esta muller de 97 anos, que deixou o ballet pola fotografía, esperta en min sentimentos contraditorios. Estou seguro de que non foi a amante de Hitler, como se dixo e como ela negou sempre con auténtica furia, estou tamén convencido de que nunca pertenceu ao partido nazi, pero dubido que nalgún momento non sentise simpatías por aquilo. Esa parte alónxame dela como do lume. Pero as súas fotografías, a súa propia personalidade, incluso a súa beleza deslumbrante, da que aínda lle quedan restos vivos, non me deixan indiferente.

Todos temos contradicións, incluso aqueles que aman a coherencia. Cando viña no avión para aquí, coincidín con Fernando Sánchez Dragó. Hai moitos anos, recordo que el era moi de esquerdas e nada relixioso; agora sente simpatías por todo o contrario. Díxome que ía a Irán e díxenlle que tivese coidado coa súa moza (unha rapaza oriental que o acompañaba), pois a unha amiga miña déronlle un vergallazo nunha perna por amosar un centímetro de pel. A rapaza preguntoume se os homes andaban todos con látego.

Falando desas cousas, confesoume que levaba na maleta a roupa adecuada, é dicir, un pano para a cabeza e unha especie de túnica ata os pés. Podería facelo por respecto; faino por obriga. Aquí, na feira de Frankfurt, vense pasar mulleres vestidas desa maneira. Sería feísimo que alguén se metese con elas e que as obrigase a vestir ao xeito occidental. A explicación desa contradición deulla un alto dirixente dun deses países a un amigo meu, embaixador de España. Cando este protestou polo vergallazo que citei antes, recorreu ao exemplo que eu acabo de poñer. A resposta que recibiu foi dunha coherencia absoluta: “Vostedes non poden facer iso porque son demócratas; pero é que nós non o somos”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21  de outubro de 2000.