La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño un amigo árabe co cal comparto algunhas cousas, entre elas a paixón que os dous sentimos polas historias intelixentes, as humorísticas ou as poéticas. Téñolle escoitado algunhas excelentes. O outro día, nunha cea cun grupo de amigos, contou bastantes, todas dignas de seren recordadas aquí, pero non todas tan santas como para seren reproducidas nunha columna como esta. Gustarí ame contar as aventuras amorosas dun vello de noventa anos, encadeado sempre a rapazas novas, pero non o vou facer. Se alguén se sente picado na curiosidade, abonda con que poña a traballar un pouco a imaxinación, que lle bote unhas pingas de sabor picante, uns gramos de humor e algo tamén de asombro e admiración, e logo seguro que acertará.

Non obstante, a historia que máis me conmoveu foi unha que tivo como protagonista ao meu amigo. Cómpre dicir que se trata dun home educado e decente. O caso é que, nunha ocasión, tivo que compartir cama por culpa dunha torpeza hoteleira, cunha moza que traballaba para el, o cal excluía calquera situación que ela puidese interpretar como de servidume ou obrigación.

Para deixar clara a súa postura, o meu amigo explicoulle á compañeira ocasional que os árabes teñen un vello costume destinado a resolver situacións como aquela: colocar unha espada no medio, símbolo sagrado que ninguén se atrevería nunca a violar. O malo era atopar un obxecto semellante en París ás doce da noite. Despois de darlle voltas, o meu amigo pediu un coitelo nos servizos do hotel, con tan mala fortuna que lle subiron un pequenísimo, de postre. Foio o que utilizaron, pero cumpriu perfectamente o seu obxectivo. Supoño, ademais, que a moza estaría máis tranquila cun coiteliño no medio que cunha espada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20  de outubro de 1999.