La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Con Lourdes Ortiz, que acaba de ser finalista no premio Planeta de novela, teño eu discutido moito, ao revés do que me sucede con Fernando Delgado, o gañador, co cal non me resulta difícil estar de acordo. Lourdes é unha muller tranquila e pacífica, cun sorriso franco e agradable, que nunca se altera, pero que defende as súas ideas e opinións cunha firmeza parecida a un penedo. Por outra parte, a ela non lle importa que os seus opoñentes se irriten ou exalten; segue tratándoos coa mesma cordialidade.

O que máis me gusta da fortaleza ideolóxica da miña amiga é que está en concordancia coa súa vida e coa súa maneira de ser. Falando con ela, un dáse de conta de que se toma as cousas en serio, o cal non é moi frecuente. Quero dicir que nisto das ideas, como en todo, hai moita golfería, sobre todo na xente que berra.

Estou seguro de que na  cea de entrega do premio, se o gañador e a finalista se empeñasen en falar de política, por exemplo, non se poñerían de acordo nin nas comas. A non ser, supoño, que tivesen que enfrontarse na discusión ao vello Lara, o organizador, que ese si os podería xuntar, aínda que só fose de xeito circunstancial, nun mesmo bando. No que estarán conformes os dous escritores é na alegría, aínda que, probablemente, o gañador máis que a finalista. E os amigos, encantados, que é o que nos corresponde.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17  de outubro de 1995.