La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, desde que saíu nos periódicos a noticia de que se acababa de publicar un relato meu co título de Un polbo xigante, padecín as bromas de non poucos amigos e coñecidos, aumentadas onte, durante a presentación que se fixo en Vigo, porque na invitación para o acto confundíronse e, en vez de “polbo”, puxeron “polvo”. (Supoño que, na imprenta, alguén corrixiu o que lle parecía un erro.) Adiántome a dicir, para os menos informados, que polbo é o nome lingüisticamente correcto para nomear o que normalmente case todo o mundo chama pulpo.

Confeso que no título orixinal, eu puxera pulpo conscientemente, aínda sabendo que sería máis pertinente escribir polbo, palabra que, por outra parte, eu escoitei desde neno. Os correctores, sen embargo, meteron o coitelo e deixaron as cousas no seu sitio, facéndolle un beneficio á ortografía e armándome a min un pequeno lío. Sen ir máis lonxe, o martes, en Santiago, con toda inocencia, unha amiga preguntoume: “¿Cuándo presentas El gran polvo?” Pois eu só quería falar dun pulpo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12  de outubro de 2000.