La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, mentres ía no coche, chamáronme dunha emisora de radio para participar en directo nun programa sobre José Saramago, con el presente no estudio. Fíxome moita ilusión poder felicitalo persoalmente, cousa nada fácil nestes días, cando está tan agobiado e rodeado de xente a todas horas. Recordeille aquel día que lle dei a noticia, que a min me contaran de boa fonte en Estocolmo, de que uns meses antes estivera a punto de gañar o premio Nobel por un voto de diferenza. Como contei aquí hai pouco, el amosouse bastante escéptico, e mesmo me chegou a insinuar que non pensaba que tivera moitas oportunidades, dada a súa ideoloxía.

Durante o programa, con ese humor fino tan seu, díxome que desde entón, cada ano, cando se aproximaban as datas nas que se concede o premio, pensaba en chamarme por teléfono, para preguntarme se sabía algo. Se chega a facelo, non tería nada que dicirlle, pois nunca máis oín falar do asunto, a non ser unha ocasión en que un escritor sueco me dixo que o Nobel portugués sería para Lobo Antunes.

Estou seguro de que tamén o merecía, igual que Sophia ou Agustina Bessa-Luís, por mencionar só dúas portuguesas que vin citadas nos periódicos. Por certo que era a cita dunha colega que tivo o mal gusto de dicir que o merecían máis que Saramago. Sempre as alegrías doutro producen tristezas para algúns. Debe ser unha boa desgraza esta de poñerse a agonear cos triunfos dos demais. Eu antes estaba convencido de que estas cousas só se daban no noso país, pero unha vez lin nunha revista inglesa que cando lle deron ese premio ao americano Saul Bellow, houbo un colega del que tivo que ser internado nun hospital cun ataque de nervios.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11  de outubro de 1998.