La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte pola mañá, mentres tomaba o primeiro café do día, ao meu lado estaban dous señores falando entre eles. Non se parecían en nada. Un era delgado e nervioso, un pouco acelerado; o outro tiña aspecto de gordo bondadoso, pousón e tranquilo. A conversa levábaa o primeiro, que estaba irritado con alguén de quen dicía que o decepcionara para cen anos. Empezou chamándolle tramposo e senvergonza, falto de escrúpulos, miserable e aproveitado. Por último, como remate, dixo del que era simplemente un infame.

Chamoume a atención que os cualificativos fosen tan correctos e tan distantes desa maneira de falar mal dos demais que consiste en bombardearlles o nome con palabrotas e pecados. Só houbo un momento en que, quizais por falta de recursos lingüísticos, se referiu a el cunha palabra excrementosa, case infantil, en castelán.

Tiven eu un profesor que dicía que os insultos baseados en vocábulos malsoantes non aluden tanto a quen os recibe como a quen os pronuncia, pois en xeral non significan máis que o seguinte: “Este señor cáeme gordo”. En cambio, as descualificacións feitas con termos decentes hai que tomalas en serio: teñen altas probabilidades de acertar na descrición moral do interesado. Debe de ser certo. Para falar dun infame abonda con chamarlle infame. O demais non é máis que furia ou rabia. Tamén pode ser mala educación.

Esta columna publicouse orixinalmente o 30 de  setembro de 1997.