La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día chamáronme dunha emisora de radio para preguntarme a miña opinión sobre esa moda lingüística que hai agora nos Estados Unidos e que consiste en non utilizar determinadas palabras que están consideradas como incorrectas ou ofensivas. Polo visto, segundo me informou a rapaza que me fixo a pregunta, non se debe dicir nunca “negro”, senón “alto en melanina”. Confeso que non coñecía ese dato concreto, aínda que sabía doutros parecidos; ningún tan pintoresco como este, non obstante.

Hai xa tempo que en Estados Unidos a un negro non se lle podía chamar negro, é dicir nigger, que se entendía como un insulto, senón que se lle chamaba black, un vocábulo máis neutro. Tampouco se estima aceptable dicirlle a alguén diante da súa cara que está “gordo”, debendo substituírse este termo por “forte”, por exemplo.

Todo isto forma parte de mecanismos vellos no uso das linguas. En España houbo unha época na que non se debía dicir “cego”, senón “invidente” e outras cousas polo estilo. A moda que agora nos chega de América xa ten adeptos aquí, dispostos a defender a nova causa con paixón. Haberá que ter paciencia se a un lle acaban chamando burro por opoñerse a esta revolución lingüística, aínda que supoño que en vez de burro dirán “sen talento”, chegado o caso. Está ben, pero unha parvada será sempre unha parvada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 28 de  setembro de 1995 .