La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un loro asomando polo peto dunha chaqueta como se estivese mirando o mundo desde un balcón non debe ser un espectáculo frecuente. Vino onte cerca do porto e quedei tan prendado pola imaxe insólita do paxaro metido naquel sitio que me parei a observalo con calma. O propietario do animal acaboume agradecendo o interese e púxose a falar comigo. Era portugués, tripulante dun cargueiro, e ten o loro desde hai tres anos. Gañouno nunha aposta no Brasil, cando un colega o desafiou a beber cervexa ata rebentar.

O loro chámase Laurindo e é afeccionado ao fútbol. Polo que me contou o dono, sabe a aliñación completa do equipo do Flamingo, que xa traía aprendida de alá, aínda que non quixo dicila para min. No tempo que estiven con el, dunha maneira absolutamente teimuda, negouse a falar, pero botou un par de gargalladas perfectas.

Era bonito ata sentir ganas de levalo para a casa. Tiña, non obstante, cara de ser un elemento, iso que na miña terra chamamos “un caribe”. Desde logo, non me custa imaxinalo falando de cochinadas nin meténdose coas mozas ou berrando insultos nun estadio. Nisto dos loros, xa se sabe que aínda que haí algúns que poden rezar, a maioría deles decántanse polo pecado. Claro que son pecados pequeniños, de xente mal educada. Para pecados autenticamente gordos, a educación é indispensable.

Esta columna publicouse orixinalmente o 23 de  setembro de 1995 .