La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A peperetada máis rica que comín na miña vida foi, sen dúbida de ningunha clase, unha panzada de caviar ruso que me deron en Moscova non hotel Ukrania, hai dez ou doce anos. A cousa era sen límites, aínda que condicionada por unha situación fortuíta e desgraciada: por un error involuntario de non recordo cal dos organizadores, aquel día cheguei ao comedor despois de asistir a un xantar, ben abastecido de sólidos e ben regado de líquidos, apenas media hora antes. Aínda hoxe lamento a circunstancia.

Cando me tenta a gula, un pecado soberbio e magnífico, que teño entendido que está retirado da lista desde hai anos, sempre me veñen á memoria aqueles cuncos de cristal ateigados de boliñas negras e encarnadas que os camareiros repuñan constantemente, encargados de que non faltasen na mesa máis alá dun par de minutos.

Leo nalgún sitio que xa non se leva o caviar, senón as formigas. Unha especie delas, gordas e coloradas, parece que se está convertendo nun bocado de ouro, a miles e miles de pesetas o quilo. Naturalmente, non sei de que se trata, pero é posible que o tal insecto teña un sabor exquisito e delicado, pormáis que tampouco se poida descartar a idea de que nos atopemos diante dunha extravagancia gastronómica como tantas. Nisto de comer, como nas cousas de salvarse, un está convencido de que ao ceo van os de sempre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de  setembro de 1993.