La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando xa parecía esquecida a polémica sobre o significado histórico do Quinto Centenario do descubrimento de América, vai un coñecido escritor latinoamericano e fai unhas declaracións agresivas e indignadas sobre o papel de España naquel acontecemento. Sen entrar na cuestión de fondo, o que máis chama a atención das manifestacións deste home é o ton alporizado que emprega, como se estivésemos falando de algo sucedido hai uns días e non de sucesos ocorridos hai cinco séculos.

En relación co mesmo problema, nunha ocasión pretendéronlle zurrar a badana ao escritor Ramón J. Sender, que daba unha conferencia na universidade da cidade de México sobre literatura. Durante o coloquio, unha mociña irada, saíndose do tema acusou ao conferenciante de todo canto a súa cabeza lle dixo que o podía acusar respecto do papel xogado polos españois na conquista de América.

O novelista, divertido coa pregunta da rapaza, contestoulle con sorna que en primeiro lugar, polo que el sabía, ningún dos seus antepasados estivera nunca naquel continente que el, por outra parte, acababa de pisar por primeira vez había uns días; que en consecuencia, posto que a señorita interpelante tiña un inequívoco aspecto europeo, probablemente hispano, en boa lóxica debera encamiñar a súa indignación cara aos seus antepasados, que si puideran ter algo que ver co sucedido en América.

Esta columna publicouse orixinalmente o 19 de  setembro de 1992 .