La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No ano 1544, uns frades dominicos que procedían da América do Centro, concretamente das terras que hoxe forman Guatemala, presentáronse diante do príncipe Felipe de España cun grupo de nobres maias que viñan cargados de presentes. Entre outras cousas, traían dúas mil plumas de quetzal, longas e verdes, preciosas, máis un produto novo que os nativos chamaban cacahualt e que os frades, por non pronunciar unha palabra que empezaba daquela maneira tan pouco educada, preferiron chamar chocolate.

Foi así como este produto se deu a coñecer en Europa, tal como se conta nun libro titulado A verdadeira historia do chocolate, que se publicou hai pouco nos Estados Unidos. Por certo que o príncipe non lle concedeu ningunha atención a aquela nova bebida, pois bastante tiña con observar como os maias estaban espidos.

A pouca atención que lle prestou o futuro rei non impediu que o chocolate se convertese nun vicio inocente para moitos, especialmente para señoras e curas. A inocencia perdeuna no século XVIII, cando se dixo que os xesuítas se valeran del para envelenar ao papa Clemente XIV, que suprimiu a Compañía. Tamén se dixo que a nai de Carlos II fora enfeitizada disolvéndolle nunha taza os sesos dun defunto. Con todo iso e co rico que está, non se explica que non o declarasen pecado. Lástima, porque aínda sabería mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18  de  setembro de 1996.