La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día, cando falei aquí dos espías e da súa torpeza, aludín de pasada a Julio V. Gimeno, aquel magnífico periodista ou rensán e excelente autor de novelas de humor, que foi  contratado pola Garda Civil de Celanova, por un peso á semana, se mal non recordo, durante a Guerra Mundial. Cando preguntou que tiña que facer, respondéronlle que debía informar do que falaba a xente nas feiras e que, mentres tanto, podía ler novelas de espionaxe. Esa colaboración non impediu que posteriormente tivese problemas cos seus contratantes, especialmente por un artigo no que se ría dun cabo do instituto armado.

Non foi este o único espía que coñecín. Alá polos anos sesenta, ou quizais nos primeiros setenta, eu víame con certa frecuencia en Ourense cun militar americano, xa xubilado, que residía perto da cidade, nunha casa de campo. A cousa empezou porque me contaba episodios da guerra do Vietnam, na que participara como oficial da Marina, e porque me falaba dos países da América do Sur onde residira.

Un día falando de Guatemala, díxome que a xente daquel país era moi mala. Eu discutinlle unha afirmación tan falsa por principio e el retrucoume dicindo que estivera alí durante a revolución de Jacobo Arbenz, en 1954, e que o puxeran contra unha parede para fusilalo. Entón ocorréuseme preguntarlle que facía alí e respondeume con toda naturalidade: “Cumpría unha misión para a Axencia Central de Intelixencia”. Foi a primeira e única vez que coñecín un axente da CIA. Desde aquela, teño moi boa opinión dos guatemaltecos, que en pleno furor contra os Estados Unidos, que actuaron como provocadores naquela ocasión, respectaron a vida daquel home.

Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de  setembro de 1999.