La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Había un mes que non lía a prensa, decisión que non partiu de ningunha vontade deliberada, senón que veu imposta de xeito natural polo cansazo e a desgana. Estas acometidas de vagancia lectora, que un non se atreve a fomentar para non contribuír a incrementar o número vergonzoso das moitas xentes que nunca abren un periódico, teñen en cambio algunhas  vantaxes. Como sucede coas separacións entre namorados, se non son longas, avivecen o amor e converten o reencontro nunha festa.

Non recordaba ter lido os periódicos con tanto entusiasmo como agora. Mesmo acaba un por entender eses artigos cargados de doutrina, soberbiamente instalados na topografía celestial das abastraccións, que se non aportan moito á clarificación das ideas, teñen en cambio ás veces unha magnífica aparencia exterior, case honorable.

Nestes días de inocencia, tampouco desgusta ver nos periódicos as recomendacións dos moralistas, tan atentos aos movementos máis recónditos da alma humana. Nin as graves reconvencións dos censores, tan seguros no alto do seu cabalete, ese poleiro tan fráxil. Nin os terrores que anuncian os profetas. Claro que por dicir o que acabo de dicir, non me queda sitio para contar unha historia que trataba do escritor Ánxel Fole e viña moi a conto de todo isto. Quedará para cando perda este estado de graza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de  setembro de 1993 .