La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como resultará fácil de imaxinar, aquí estamos en pleno furor televisivo cos problemas do presidente Clinton. A impresión que dá o asunto, sobre todo despois de que metesen en Internet o catálogo completo das súas golferías, é que a xente, polo menos en privado, fai bromas, igual que sucede cos políticos en Washington, segundo leo nos periódicos. Tanto protagonismo para o presidente vai impedir que se trate con máis atención o que lle sucede desde onte a unha importante señora, membro da Cámara de Representantes por Idaho, Helen Chenoweth, de sesenta anos de idade, coñecida polo seu carácter duro e combativo, azoute de Clinton.

Hai uns días dixo del con non pouca acritude e bastante agresividade que estaba dando “un sórdido espectáculo” e que “a conduta persoal e a integridade” son moi importantes. Estes días, durante a campaña electoral que se iniciou xa, valeuse dos pecados do presidente para machacar ao seu contrincante no Estado que representa, como se este fose persoalmente responsable da conduta de Clinton.

Hai catro anos, a señora Chenoweth fixo igualmente unha dura campaña na televisión, na que aparecía flanqueada polas bandeiras dos Estados Unidos e do Estado de Idaho, para destrozar ao seu opoñente, que recoñecera en público que era certo que uns anos antes tivera unha aventura extra-matrimonial. A citada señora botoullo en cara, dixo que iso era incompatible coa defensa dos valores da familia e gañou as eleccións. Onte non tivo máis remedio que recoñecer, porque as probas eran determinantes, que ela tamén mantivo unha aventura de seis anos cun home casado. O comentario do seu contrincante foi xeneroso: “Eses son asuntos privados”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de  setembro de 1998 .