La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

No artigo de onte, dedicado a dar conta da morte do periodista inglés Jeffrey Bernard, comentaba eu aquí unha das últimas columnas que escribiu, na que narraba a historia dun rapaz borracho. Como se recordará, o mozo, descontrolado pola bebida, acabou tendo unha desgraza nos pantalóns, polo cal foi rapidamente a un comercio a mercar outra prenda coa intención de cambiarse canto antes. En vez de volver á festa, pois o seu corpo despedía un escándalo, meteuse no tren, foi ao lavabo e dispúxose a resolver o problema.

Tal como explicaba eu ao final do artigo, o rapazote, despois de adecentarse, tirou os pantalóns suxos pola ventá e abriu a bolsa coa intención de coller os limpos, acabados de mercar. A sorpresa e o susto deberon ser tremendos cando o pobre infeliz se decatou de que en vez de pantalóns lle deran, por confusión, un xersei.

Aí remata a historia, tal como lla contaron a Jeffrey Bernard. O que sucede é que un ser tan divertido e maligno coma este célebre periodista non podía contentarse cun final tan incerto, cortado precisamente no momento máis atractivo do disparate. Por iso se puxo a especular. Imaxinou entón que o rapaz resolveu a papeleta metendo as pernas polas mangas do xersei, unha decisión bastante lóxica. Menos fácil de adiviñar, segundo conta Jeffrey Bernard, é saber se o mozo colocou o pico do suéter para adiante ou para atrás.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de  setembro de 1997 .