La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns días, andando pola Limia cuns amigos, funlles amosar unha vista espléndida daquela planura, quizais a máis fermosa de todas as que se poden observar desde os altos que rodean a comarca. Está na estrada que leva aos Blancos, pouco despois de pasar a parroquia de Parada de Ribeira. Desde alí, o que foi lagoa de Antela, máis as terras chás que forman o seu entorno, componen unha imaxe grandiosa, digna de ser incluída entre as moitas maravillas da nosa terra. Hai xa anos que veño subindo con amigos e coñecidos ata aquel alto, só para compartir con eles a beleza do lugar, e nunca atopei a ninguén que non quedase encantado.

Desta vez, non obstante, encontrei a paisaxe bastante alterada por unhas canteiras, de xeito que non nos resultou nada fácil atopar unha atalaia apropiada para contemplar a paisaxe. Foi entón cando descubrimos unha especie de pequeno lago artificial escavado na rocha, froito da extracción do material, rodeado de paredes verticais  de pedra de gra, algunha delas de máis de cen metros de altura.

Había un grupiño de rapaces e rapazas novos bañándose. Nun momento, un deles, máis pequeno que os demais e algo máis gordo, quizais tamén algo menos agraciado que os seus compañeiros,  subiu á parte máis alta dunha daquelas paredes cortadas a pico, e avisou de que se ía tirar de cabeza. A min pareceume unha acción tan arriscada e perigosa que lle berrei para que non o fixese. El  dubidou, pero deseguida me decatei de que o facía polas mozas. Pasados uns minutos, colleu carreira e tirouse. Os de abaixo aplaudiron e el saíu da auga como un deus. Non hai dereito que aos feos lles custe todo tanto. Igual que conseguir o pan para un pobre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 9 de agosto de 1999.