Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es Tevagustar.es
La Voz de Galicia
Blogs de lavozdegalicia.es
Á marxe do tempo

Aprender a rir

8 de agosto de 2013 a las 0:10

Nun libro de memorias do século XVIII que estiven lendo onte pola tarde fálase dun señor que tiña a enfermidade da risa, un mal do cal xa morreran varios antepasados seus. Tal como conta o autor das páxinas que cito, o enfermo ría sen motivo, pero se lle contaban algunha historia graciosa ou presenciaba algún feito cómico, entón botaba unhas gargalladas tan escandalosas que quedaba sen alento e púñase en perigo de morte. Os médicos dixéronlle que a causa daquela doenza tiña que ver con problemas no bazo.

É probable que non exista a enfermidade da risa, pero en caso de que existise, estou convencido de que a miña tía Carme a padeceu. O curioso é que as súas fillas sempre a acusaron de ter a enfermidade do sono, pois durmía de pé, pero cando estaba durmida, moitas veces espertaba rindo dunha maneira accidentada, sen parar.

Hai tamén o caso contrario. O ano pasado lin nun periódico americano un anuncio de clases para aprender a rir, co pretexto de que, segundo un estudo médico, a risa era moi boa para o corazón. Eu non sei como rirá toda esa xente que asiste a este tipo de cursos, pero supoño que irán anotando nunha libreta o que riron cada día para amosarllo ao profesor e saber se progresan adecuadamente. A verdade é que parece unha forma un pouco triste de rir, pero as dietas tampouco son unha forma alegre de comer.

Esta columna publicouse orixinalmente o 8 de agosto de 1996.

Marxe
Escrito por amarxedotempo Comentar
Facebook Tuenti Twitter Google Buzz Meneame.net

Deja tu comentario