La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estes días, na tertulia de Baiona falamos do Premio Nobel de Literatura, que a moitos nos gustaría que algún día o puidese gañar Gonzalo Torrente Ballester, o cal sería de xustiza. Hai anos, o escritor amigo estivo de viaxe en Estocolmo e coñeceu a Artur Lundkvist, que mandaba moito na academia sueca e que foi o responsable de que lle desen o galardón a escritores de fala hispana como Vicente Aleixandre ou Octavio Paz e de que non llo concedesen a Jorge Luis Borges, a quen non estimaba por razón  de orde política.

Con motivo daquela viaxe de Torrente a Escandinavia, Lundkvist escribiu un longo artigo nun prestixioso periódico de Estocolmo falando marabillas do escritor galego. Cando o lin, pensei que tiña chegado a hora ou que, polo menos, entrabamos nas vésperas. Logo veu a enfermidade do académico sueco e despois a súa morte.

O outro día, cando Miguel Viqueira e mais eu falamos deste asunto na tertulia, Torrente permanecía calado, con ese xesto tan seu de deixar caer a cabeza sobre o peito, meter as mans no fondo dos petos dos pantalóns e chupar as meixelas por dentro, como se fosen caramelos. Nun momento, dixo: “Pois eu prefiro que non me dean o premio porque teño medo de que despois, con tantos cartos, me puidesen secuestrar un neto”. Xa poden estar contentos Rodrigo, Mathew e Fernanda cun avó coma este.

Esta columna publicouse orixinalmente o 7 de agosto de 1997.