La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Eu non sei se foi certo ou non, pero oíno contar varias veces. Ás feiras da miña vila, que se celebraban os días catorce e vinte e sete de cada mes, viña sempre un señor alto e groso, con pinta de home bravo, que chegaba nun fermoso cabalo negro de grande alzada. Entraba pola vila a paso de andadura coa cabeza erguida, o sombreiro posto e un enorme xaruto fumegando na boca. Despois víase paseando cos amigos ou xantando nalgunha das casas de comidas do Barrio de Arrriba ou tomando café e xogando a partida de dominó.

Un día escoitei unha historia terrible daquel home. Cando unha tormenta estragou os campos alá polo final dos anos corenta, un trebón de pedra que nun verán non deixou unha soa herba en pé, o citado individuo, en plena furia do ceo, saíu aobalcón da casa cunha escopeta, apuntou cara arriba e disparoullea Deus na cara.

Nunca entendín, de neno, como un raio non fulminou no instante a aquel tipo tan destemido. Xenerosidades inescrutablesda Providencia. Onte, non obstante, cando agardaba por un amigo nunha cafetería, á beira da praia, escoitei un homeesbardallar contra toda a corte celestial polo tempo revolto quepadecemos este verán. Estaba fóra de si, falando dos gastos que tiña, indignado. O que dicía era tan gordo, que se en vezde aplicarlle a bondade, Deus lle aplicase a xustiza, ao saír dealí, polo menos, tería que romper unha perna.

Esta columna publicouse orixinalmente o 6 de agosto de 1995.