La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

As historias de espías sempre me fascinaron, polo menos ata o día no que Julio V. Gimeno, periodista ourensán de moito talento e algo disparatado, que arruinou un premio de novela en Valencia ao gañalo nas súas primeiras cinco convocatorias, me confesou que fora contratado por cinco pesetas ao mes para andar de espía polas feiras, alá polos anos corenta, co encargo de que para prepararse, antes de entrar en acción, se dedicase durante un par de semanas a ler novelas do xénero. Deulle unha gargallada e renunciou ao traballo.

O outro día, na tertulia nocturna de Panxón, Miguel Viqueira, que debe saber destas cousas porque ten diplomáticos na familia, contoume que os servizos secretos británicos inventaron un candado perfecto, imposible de abrir. Como os colegas espías de Israel teñen fama de ser especialistas en abrir calquera clase de pechadura, a eles lle mandaron o artiluxio coa intención de probalo. Os israelís conseguiron abrilo, pero devolvéronllo aos británicos cunha nota que dicía: “Perfecto e inatacable”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 5 de agosto de 2000.