La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai uns anos, nos Estados Unidos, unha compañía de aviación organizou uns cursos para combater o medo a voar, que nalgunhas persoas chega a ser patolóxico. Unha parte da terapia baseábase en explicar o funcionamento dos avións e a perfección técnica de que están dotados, que os converte no medio de transporte máis seguro que existe. Cando o curso chegou á súa fin, a proba final consistiu nunha viaxe a Londres.

A mala sorte quixo que o avión sufrise un accidente e que morresen todos os pasaxeiros. Moitas veces teño pensado en como deberon ser ese dous ou tres minutos anteriores á catástrofe, cando xa estaba claro para todos que o voo remataba en traxedia. Non sería difícil imaxinar que pola cabeza dalgúns deles pasara por uns instantes a idea dunha broma macabra ou a sospeita de que se podería tratar dunha técnica de choque destinada a curalos definitivamente do seu medo irracional.

Un pasaxeiro dese avión español que sufriu hai días un pequeno incidente sen máis consecuencias que algunhas mazaduras, dixo que a única idea que se lle instalou de forma enfermiza na cabeza durante os segundos que duraron as turbulencias, foi a de non poder contemplar aquela noite non sei que proba olímpica no televisor. É unha maneira bastante simple de morrer, botando en falta un ben pequeno e doméstico. O malo é para aqueles que se lle pon diante, a punto de entrar nel, o buraco tenebroso da morte.

Esta columna publicouse orixinalmente o 4 de agosto de 1992.