La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Faime raro isto de pasar as mañás na casa sen ir buscar a Torrente para marcharmos a Baiona. Este vello costume de tantos anos parecía xa como pegado á pel, por iso resulta tan  desconcertante cambialo. O que fago entón é baixar ata A Ramallosa, mercar os periódicos e sentarme a lelos no porche. Como onde vivo non se escoitan os coches, aínda non sei por que milagre, de cando en vez distráiome co cantar dalgún paxaro novo, pois os coñecidos xa non me chaman a atención. Non está mal, sobre todo se iso sucede no medio da lectura dalgunha noticia inquietante, das que chegan estes días. De maneira que as mañás transcorren así. Como os rapaces andan por Suecia, facéndolle compañía ao avó, que vive só nunha casiña de tres plantas e está a punto de cumprir os noventa anos, tócame a min facer tarefas que lles corresponden a eles, como cortar a herba, regar polas noites ou botar o cloro. Aínda que son bastante vago, grazas a Deus, estou descubrindo que non me desagradan esas obrigacións. Polo menos, serven para durmir ben.

Polas noites procuro achegarme ata Panxón a tomar algo nas terrazas cos amigos. Este ano están moi ricas as sardiñas con cachelos e os pementos de Padrón. Tampouco está mal a tortilla de pataca, sobre todo se un consegue, cousa nada fácil, que lla fagan pouco pasada. Hai dous costumes culinarios moi extendidos neste país que nin entendo nin comparto: a tortilla seca, tipo argamasa, e o pan pouco cocido, tuberculoso.

Confesarei, non sen vergonza, que non é a primeira vez que levo pan no peto cando vou a un sitio destes. Cústame algunha pequena bronca familiar, pola vergonza, pero paga a pena. Así que o verán, salvo Torrente, moi ben.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de agosto de 1998.