La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte paroume un señor na rúa para dicirme algunhas cousas amables e para comunicarme que el tamén escribía. Contoume que está redactando un libro de memorias para os seus netos, pois estima que tivo unha vida moi interesante. Non me aclarou a que se debía o interese da súa biografía porque do que me quería falar, en realidade, era dun aspecto técnico relacionado con ela. Pretendía saber se entraba dentro da normalidade utilizar nomes supostos para non ferir algunhas das persoas das que trata no libro.

Despois de intercambiar opinións sobre este asunto, quedamos en que, sempre que se poida, é mellor non molestar a ninguén. Nese momento aproveitou para confesarme que el non ten inimigos e que se leva ben con todo o mundo, ademais de que se sente un home de paz, incapaz de facerlle mal nin a unha mosca.

As memorias, non obstante, non eran o que máis preocupaba ao meu interlocutor, senón unha novela na que traballa desde hai anos. Novamente, o obxecto das súas dúbidas tiña que ver cun problema técnico. Como o protagonista morre asasinado ao final, quería saber como o pode matar: cun coitelo, con veleno ou nun accidente. Confeso que non souben que cousa contestarlle, por iso lle insinuei que o deixase vivo. Entón miroume con cara de asombro e díxome: “¿Vivo? Se é un tipo ruín que non merece vivir”.

Esta columna publicouse orixinalmente o 31 de xullo de 1996.