La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Todos estes suecos que votan con entusiasmo pola extrema dereita e que asisten sen rubor aos mitins de dous personaxes pintorescos, un aristócrata tronado e un pobre empresario de feiras e festas medio analfabeto, acabaron cun dos mitos que fixeron deste país un modelo exemplar de convivencia. Xa non lles importa que os acusen de racistas, un sambenito que dificilmente se soportaría hai dez anos, cando ese tipo de sentimentos se consideraban propios de países atrasados, en Suecia superados para sempre.

Todo volve. É unha das poucas afirmacións que un pode facer de maneira categórica sen medo a ser desmentido pola realidade apenas uns minutos despois de formulala. A historia, como a experiencia, non se acumula: hai que vivila. Unha desgraza.

Onte, escoitando na televisión tantos rapaces novos falando de forma agresiva contra os estranxeiros que viven en Suecia, un sentía tristeza e impotencia. Os argumentos das persoas que trataban de explicarlles de forma racional e serena que a xenofobia é un mal sentimento, inxusto, perigoso e fillo da ignorancia, parecían curas predicando as virtudes da castidade nun prostíbulo. Ese discurso xa o escoitaron estes mozos nas escolas desde nenos. Agora, confrontado coa vida, non lles serve de nada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 29 de xullo de 1993.