La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Teño observado que cada vez que se fala da morte de Kennedy, todo o mundo recorda con precisión o lugar e a hora en que soubo da noticia. Eu baixaba da facultade, en Santiago, camiño dun café, e foi unha compañeira de estudos que me informou do atentado. Estaba tan nerviosa, a pobre, que me pediu que a acompañase ata a casa porque tiña medo a desmaiarse na rúa. Despois volvín cara ao centro da cidade e xa vivín o acontecemento como o vivimos todos: pegado ao televisor e absolutamente pasmado.

Houbo un detalle, non obstante, que me perturbou durante tempo. Daquela, vivía na mesma pensión onde eu residía, un rapaz americano inmensamente alto, tanto que lle tiñan que poñer un caixón supletorio aos pés da cama para que puidese dormir enteiro. Comentando aquela morte, dixo que Kennedy era un cretino.

Foi a primeira crítica que escoitei. Despois xa se fixeron públicos os seus amores furtivos, coas mulleres de pecar entrando e saíndo da Casa Branca. Tamén se puxo en cuestión a súa categoría de estadista; mesmo se falou de relacións coa mafia. É a rebaixa inevitable que se fai sempre de calquera mito. Pese a todo, onte lin nunha revista americana un dos mellores eloxios que se poden dedicar a un político. Falando de  Kennedy, un dos seus colaboradores oíulle definirse un día como un idealista sen ilusións.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xullo de 1995.