La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un amigo francés, periodista de profesión, que estes días está pasando as vacacións perto de Vigo, veu onte pola casa. Afeccionado aos cans, púxose a xogar cos meus, primeiro con Leda, que é unha “labrador”, é dicir, membro dunha clase canina aristocrática, mundialmente apreciada, ideal para guiar cegos ou para coidar raparigos; despois con Buba, que ten a desgraza de ser unha “rottweiler”, o cal vén ser algo así como nacer negro nun país de brancos. O meu amigo é dono dunha parella desta raza e os dous exemplares son, coma o meu, xente moi pacífica e tranquila, que non se mete con ninguén, nin sequera coas persoas despistadas que entran na finca.

Desde hai tempo, cando alguén tivo a ocorrencia de acabar cos “rottweiler” en Francia, o meu amigo está fastidiado. Eu mesmo, onte, despois de ler a noticia sobre esa neniña que morreu destrozada por un can desa clase, sentín como vergonza de ter un animal con tan mala fama. Non quero sucumbir, non obstante, á irracionalidade das cousas que oio, como un programa de radio que oín onte, lamentable.

Falando destas lerias, dicía o meu amigo francés que, no seu barrio, en Francia, nas aforas de París, o elemento máis perigoso non son os seus cans, senón un individuo que reside alí e que xa tivo incidentes, algúns deles coitelo en man, con dous ou tres veciños, un dos cales estivo a punto de matar hai dous anos por unha discusión futbolística. De momento, os moitos meses que pasou no cárcere parece que non o melloraron, pois agora, polo visto, engadiu ao seu propio perigo como home violento, unha motocicleta de gran cilindrada coa que atropelou xa un rapaz de pouca idade. Ou sexa, que entre os cans, como entre as persoas, hai de todo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xullo de 1999.