La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Un grupo de intelectuais españois e franceses xuntáronse en Montpellier para criticar e poñer en cuestión a chamada política do consenso. Segundo os congresistas, a converxencia entre o discurso dos partidos do goberno e os que están na oposición é cada vez maior, de maneira que moita xente empeza a preguntarse para que serven uns e outros. Por outra parte, a distancia entre a linguaxe dos políticos profesionais e as preocupacións da xente empeza a ser abismal, de aí que o desprestixio daqueles medra sen cesar e prepara o camiño polo que xa transitan algúns movementos populistas que fan da crítica aos políticos tradicionais a súa bandeira de enganche.

Para facer fronte a este panorama perigoso e negativo, os reunidos en Montpellier propuxeron que se volva pensar a política, tal como anunciaba o lema do congreso, que se reforce o papel dos poderes locais e rexionais e que se revitalicen os parlamentos. Nun plano menos concreto e máis romántico, quizais utópico, algúns dos asistentes falaron da necesidade de propoñer esperanza aos cidadáns e de inventar novas perspectivas. Como se ve, nada que non se lle ocorra a calquera pensando desde a súa casa.

Sobre o diagnóstico que estableceron este grupo de intelectuais non debe haber moitas discrepancias: son moitas as persoas que perciben con claridade os datos da denuncia. Onde poden xurdir as diferenzas é tanto na análise das causas desta situación preocupante como nas propostas destinadas a superala felizmente. Na recensión que acabo de ler non hai ningunha referencia a ese pobo que está en contra do consenso e que non quere oír falar de cousas tan aburridas como a inflación e o déficit público. Un escrupuloso sentido da elegancia, ou o temor escuro a pecar contra algo sagrado, impide trasladarlle a ese mesmo pobo un anaco da responsabilidade.

Esta columna publicouse orixinalmente o 22 de xullo de 1992.