La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hoxe vou escribir sobre Ana Buján, unha rapaza da cal, ata o día de onte, non sabía absolutamente nada. Agora sei que lía todos os días estas cousas que eu escribo e que a lectura a compartía, moitas veces en voz alta, con Rafa, o seu mozo. Foi el quen me deu esa noticia nunha carta que me enviou, moi cariñosa, pero tamén moi triste, porque desde hai dous meses, Ana xa non vive. Desde entón, el tampouco le este artigo, pois parécelle que, ao non ter a posibilidade de compartilo con ela, xa non ten sentido.

Na súa carta, Rafa trata de explicarme como era Ana. Polo que respecta á profesión, exercía o maxisterio cos nenos máis pequenos e, segundo me conta, cunha vocación moi firme. Nas dúas follas que me envía, a maior parte das palabras están destinadas a resaltar o traballo e o interese da profesora polos seus alumnos.

Hai, non obstante, outros detalles na carta de Rafa que me permiten facerme unha idea máis clara desta muller descoñecida. Dime que os dous vivían felices nun pequeno apartamento en Redondela, situado diante do parque onde el lle confesara o seu amor un día de setembro do ano 1992 e que ultimamente mercaran un terreo para construír unha casa desde a cal se di visaría a Illa de San Simón. Con estes datos, cústame menos imaxinar o rostro de Ana. Tería, sen dúbida, o encanto de toda muller namorada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 21 de xullo de 1996.