La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En relación co artigo de onte, no que falaba dun cacique parvo, infórmame Felipe Fernández Armesto dun cacique intelixente: un procurador ourensán, militante das filas calvosotelistas, por quen pasaban, non importa dicir agora por que razón, os impresos destinados aos colexios electorais, nos que debían figurar, escritos a man, os votos conseguidos por cada partido.  Eses papeis, antes de ser remitidos aos concellos, permanecían ao alcance dese home, circunstancia que aproveitaba para facer unha cacicada.

Esta consistía en raspar cunha navalla no lugar reservado para poñer o número dos votos. Naturalmente, os impresos raspados só se enviaban aos distritos dominados polos partidos inimigos, onde os partidarios de Calvo Sotelo perdían, o cal daba pé, como non resulta difícil imaxinar, para impugnar despois as eleccións por manipulación.

En termos morais, a manobra non admite indulxencias. Outro xuízo será, en cambio, o que nos mereza o cacique se o valoramos pola agudeza e o cinismo, perversións que case nunca se dan á marxe da intelixencia e que resultan tan descaradas que tampouco poden invocar a moral para disfrazarse. É o que se bota de menos nos caciques de hoxe. En primeiro lugar, carecen de enxeño. E ademais non son cínicos, senón mentiráns, perrillas. Como se comparásemos a un cazador de elefantes cun capagrilos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xullo de 1994.