Cando era neno, Ramón Piñeiro estaba desconcertado coa idea de que unha locomotora puidese andar de seu, tal como lle aseguraba seu pai, sen ser arrastrada por bois ou cabalos. A razón desta obsesión tiña que ver co feito de que el, que vivía na aldea, non coñecía outros vehículos que os de tracción animal. Un día, na escola, púxose a pintar no encerado una máquina de tren vista por dentro, da mellor maneira que a podía imaxinar. Cando o mestre descubriu o debuxo, díxolle: “Ti vas ser deses que inventan a pólvora”.
A brutalidade do profesor contrastaba coa delicadeza proverbial de Ramón. Un día atopeino parado na rúa, no centro de Santiago, mentres escoitaba pacientemente, con bondade franciscana, un señor que tiña a teima de ser inventor de cousas raras, entre elas, un aparato para pasar as páxinas dos libros sen usar as mans.
Este tipo de inventores adoitan ser boa xente: non piden máis que uns minutos de atención para expoñer o que eles consideran ideas xeniais e que non pasan de ser disparates, xeralmenteconcibidos con bastante enxeño e doses non pequeñas de loucura pacífica. Eu coñezo un señor que foi editor enMéxico e testamenteiro de León Felipe, que pretende ser o inventor do futbolín. Sempre que lle conto isto aos amigos, pasada a primeira sorpresa, prodúcese unha especie de escepticismo xeral. Si, pero alguén o tivo que inventar.
Esta columna publicouse orixinalmente o 17 de xullo de 1995.