La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Onte falei aquí das ánimas do purgatorio e de que unha tía miña coñecera tres. Se non recordo mal, as tres ían vestidas de branco e unha delas, vista por diante, era guapa, cunha cara  transparente e chea de luz, pero ao dar volta, por detrás tiña o corpo repugnante dunha muller morta, algo podre xa. Oínllo contar moitas veces. Rezáballe todas as noites, creo que por encargo ou petición das propias interesadas, que foran amigas dela. A máis nova, que en vida se chamara Manuela, os domingos cantaba unha canción nunha lingua descoñecida. Don Juan Portabales, cura párroco de Lamas, dicía que as ánimas podían saber calquera idioma, menos o ruso.

Na miña terra, as ánimas sempre se apareceron vestidas con túnica branca, pero hai outros sitios onde se presentan neste mundo convertidas en animais, especialmente bolboretas. Non obstante, tamén poden adoptar outros disfraces, como son os de paxaro ou pita, incluso o de porco. Un avogado da miña vila dicía que tres porcos xuntos representaban sempre as ánimas de tres curas. Hai anos, alá por terras de Maceda, correuse que nun monte veciño aparecía unha luz e que era unha ánima bendita. Fixéronse excursións para vela de perto, pero pasaba igual que sucede co arco da vella, que nunca se chegaba a ela, sempre se alonxaba.

Aquela historia deu tanto que falar que se fixo un estudo para determinar cal era a causa real do fenómeno. Chegouse á conclusión de que se trataba dun asunto relacionado con algún metal ou mineral. Un puro disparate. Confundir unha ánima cun resplandor cientificamente explicable só se lle ocorre a un parvo. O mesmo que se dixésemos que un avión voa porque realmente é un anxo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xullo de 1998.