La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

En Letonia despedíronnos cunha cea nun barco, que nos levou desde Riga, polo río Duína, ata a desembocadura no mar Báltico. Os máis animados, entre prato e prato, bailaban na pista, ao son dunha boa orquestra. Do resto, uns dedicábanse a falar, sentados aquí e alá, outros a beber en silencio e moi poucos a pasear pola cuberta, pois fóra ía bastante frío. En total, a viaxe durou varias horas e chegamos ao hotel un pouco cansos, conscientes de que ao día seguinte había que erguerse ás seis da mañá para marchar a Estonia.

Chegamos a Tallin, a capital do país, onte pola tarde. Como hoxe non teño intervención, poderei facer turismo ata as sete, que nos recibe o presidente co corpo diplomático. Despois, xa veremos. Esquecía dicir que lle fixen a homenaxe a Ángel Ganivet, coa axuda de Inga e Viktorija, dúas estudantes universitarias que falan español moi ben. No barco elas regaláronme unhas flores e botámolas no ío no que se afogou, cando pasamos á altura da casa onde viviu. Pouca cousa, pero feita co corazón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 1 de xullo de 2000.