La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Cando, o xoves pasado, a policía de Nova York entrou de forma súpeta no apartamento do sudanés Siddig Alí, este estaba removendo cunha especie de culler xigante o líquido espeso dun gran barreño que tiña colocado no medio do salón. Parecía unha escena de conto ou de tebeo, como un horrible bruxo que estivese prepararando a pócima velenosa para acabar co mundo. Pouco menos. O que pretendía o malvado era facer saltar polo aire o edificio das Nacións Unidas, con varios centos de inquilinos dentro.

A policía americana está convencida de que é o xeque exipcio Abdel Rahman, ese cego de aspecto tétrico que predica o fundamentalismo islámico nunha mesquita de Nova Jersey, quen dirixe os grupos terroristas que empezan a operar nos Estados Unidos. Como no occidente corrupto e pecador a lei está por riba das sospeitas, o personaxe non pode ser detenido nin expulsado mentres non haxa probas contra el.

De momento, para salvarse da xustiza, o predicador mente como un canalla. A pesar de que o tipo que foi sorprendido facendo a mestura explosiva no barreño actuou varias veces de intérprete para el, o líder relixioso di agora que non o coñece. Na sociedade que tan xenerosamente o acolle, non obstante, a mentira é un dos pecados peor aceptados pola xente, tanto que pode arruinar a carreira dun político, incluída a perda da presidencia. Non obstante, o tramposo asegura que o mundo que el propón será mellor.

Esta columna publicouse orixinalmente o 27 de xuño de 1993.