La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Sempre que vou a Trasalba, cando estou dentro do patio da casa de Otero Pedrayo, como me sucedeu onte pola mañá, miro para unha esquina do alpendre, xusto onde puxeron agora a librería. Hai anos, un día, desde o corredor da entrada, don Ramón amosoume aquel lugar como o preferido por el e por Vicente Risco para xogaren cando eran nenos. Amparados do sol polo tellado do cobertizo, nas tardes de verán organizaban alí grandes historias con casiñas feitas de barro e figuras de papel, pintadas e recortadas.

A Risco gustáballe moito, segundo Otero, a vida de María Estuardo, que coñecía con moitos detalles. Para escenificar a entrada da raíña de Escocia no porto de Leith, cando volveu de Francia, había que queimar herba seca e simular néboa, pois esa era a situación metereolóxica daquel día, tal como contaban as crónicas.

A pesar de que Risco tiña que andar axotando nas galiñas, que lle saltaban nas gafas, pois Otero opinaba que lle confundían os ollos con figos, resistía ata o final. Para o neno Vicente resultaba imprescindible rematar a historia; non tanto pola decapitación da raíña, senón polo moito que lle gustaba poñer voz de muller e berrarlle ao cura protestante que lle ofrecía os seus servizos: “¡Calade! ¡Eu non teño nada que ver con  vós!” Despois, Risco tirábase no chan para morrer, pero antes pregáballe a Otero que o defendese das pitas.

Esta columna publicouse orixinalmente o 26 de xuño de 1995.