La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Estiven na festa de Panxón, escoitando a banda de música e mirando os foguetes que botaban desde o porto. Segundo se podía ler no bombo, a banda foi fundada a principios de século e aínda dura. Por esas datas debeuse crear tamén a titular da miña vila, pero fracasou e disolveuse en pouco tempo: os músicos eran tan comellóns que non os querían en ningunha parte, pois resultaban unha carga demasiado gravosa para as familias que lles tiñan que dar de comer. Correuse a fama e acabaron por non ter un triste contrato.

Polo que puiden observar, sacando un par de casos, estes músicos que vin onte son de complexión delgada; non os imaxino arruinados pola boca. Os que están algo pasados de peso, por outro lado, teñen esa cara pacífica que se lle vai poñendo a todos os gordos felices, unha xente que engorda máis por pachorra que por gula.

A diferenza entre as persoas que acumulan quilos por comer e aqueles que o fan por seren tranquilos, nótase facilmente. Os primeiros teñen a cara conxestionada e a boca apertada e dura: os signos da compulsión agresiva. Nos segundos domina a expresión inocente e pándiga. Aqueles raramente se inclinan pola música; estes dan uns magníficos tocadores de bombo. A final, gozan da vida con pouca cousa. En Panxón,

por exemplo, a un dos músicos gordos vino apalambrado mirando para unha rapaza.

Esta columna publicouse orixinalmente o 25 de xuño de 1994.