La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A chegada a Polonia supuxo deixar a Europa rica da eficacia para entrar na pobreza digna dos antigos países do Leste. Ata agora, as maletas deixabámolas na porta do cuarto dun hotel e entregábanas no seguinte. Nada diso ocorreu o xoves pola noite,  cando o tren parou na cidade de Malbork. Sen embargo, os polacos ofreceron o que teñen: mandaron un grupo de soldados á estación e foron eles os que se encargaron de baixar as equipaxes do tren. Como, por outra parte, no hotel non había ascensor, tamén subiron as maletas ata os cuartos.

Malbork é unha cidade polaca pequena, situada preto da costa do mar Báltico, que vive arredor dun castelo medieval impoñente. Os ingresos que xeran as visitas dos turistas no verán son a riqueza maior da vila. Curiosamente, sen embargo, ninguén fala inglés, nin francés, nin alemán: só polaco e ruso. Pedir un simple café, unha cervexa ou algo de comer convértese nunha aventura. Onte, por exemplo, pedín un café e trouxéronme unha caixa de mistos. O sábado estaremos en Kaliningrado. Será parecido.

Esta columna publicouse orixinalmente o 24 de xuño de 2000.