La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Como dixen onte, estou en Trujillo, esta fermosa cidade cacereña, chea de cegoñas nos tellados, onde nos xuntamos uns vinte escritores, españois e portugueses, para falar das literaturas dos dous países, aínda que oficialmente o congreso se chama dunha forma máis solemne: “Portugal y España, dos literaturas ante el próximo milenio”. En realidade, do que se trata é de falar, discutir e pasar o tempo discorrendo un pouco sobre un tema que nos interesa a todos os que viñemos ata aquí, invitados pola Fundación Santa María. Este tipo de xuntanzas serven para coñecerse, convivir e reflexionar en voz alta, sen máis.

Por suposto que non vou falar aquí das nosas discusións, pero non renuncio a citar un par de ideas que apareceron no debate e que me resultaron atractivas. Unha delas defendeuna o filósofo Reyes Mate: o característico do ser humano non é posuír a verdade, senón buscala. Como todas as boas ideas, é clara e fácil de entender. Se fose adoptada por todos, evitaríanse moitas desgrazas.

Alguén contou tamén unha cousa que eu non sabía, pero que me pareceu interesante. Resulta que, polo visto, o cocido foi un invento dos árabes, que o facían a base de verduras. Logo, os xudeus engadíronlle carne de vaca. Por último, foron os cristiáns os que o “envelenaron” poñéndolle carne de porco, que aqueles outros non comen por razóns relixiosas. Foi esta última unha acción ben pouco cristiá, tanto que dan ganas de non volver probar ese prato. Naturalmente, só se trata dun dicir, porque o sentido da solidariedade, polo menos no meu caso, é escasamente simbólico. Quero dicir que me  gusta o cocido e que non vou deixar de comelo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 20 de xuño de 1998.