La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

A capital de Armenia, Ereván, é unha cidade de cor rosa, na que un atopa fontes en cada esquina, mesmo nos vestíbulos dos hoteis, onde se pode beber a auga máis fresca do mundo, quizais procedente da altura branca do monte Ararat, sempre no horizonte. É unha das formas de combater a calor tórrida do verán, con frecuencia desbordada por riba dos corenta graos e convertida nunha masa de aire espesa que manca nos pulmóns e fai do corpo un saco pesado do que un se quixera librar. Nese momento, cando se está disposto a deixarse caer debaixo dunha sombra porque non se pode máis, entón xorde o milagre da auga en forma de pitorriño metálico cichando cara arriba. ¡Unha delicia!

De poucas cousas se senten máis orgullosos os armenios que das súas fontes, sobre todo cando saben que en moitos países de Europa se bebe auga embotellada. Hai anos, isto parecíalles unha perversión do capitalismo, mentres que a graza da que eles gozaban lles semellaba unha conquista da sociedade comunista. Había máis cousas. Das barriadas de chabolas dicían que eran supervivencias do pasado e dos rusos non querían nin falar. Notábaselle o rancor nalgunhas palabras ditas entre dentes.

Os armenios teñen unha memoria tráxica e longa. A historia do seu país é o recordo do que eles chaman o xenocidio, unha noite espantosa na que morreron centos de miles a mans do exército turco. No centro de Ereván, sobre un outeiro, unha chama de lume perpetuo mantén viva a homenaxe aos mortos. Agora téñenos máis recentes, inmolados cada día nunha guerra absurda por Nagorno Karabaj. Eles que pensaban que a  independencia sería o principio da ilusión, o comezo da alegría e a riqueza! De momento, seguen poñendo cadáveres, incrementando o número dos mártires. Sempre haberá quen poida traficar con eles ou utilizalos como moeda para calquera transacción innobre.

Esta columna publicouse orixinalmente o 18 de xuño de 1992.