La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Hai anos participei en Madrid nunha reunión dun xurado que tiña que outorgar un premio importante. Eramos uns quince membros e debiamos elixir entre unha lista de libros na que figuraban obras escritas en castelán, galego, catalán e vasco. Respecto desta última lingua, como non dispuñamos de traducións, todos pensamos que practicamente quedaba excluída, a non ser que un dos nativos que formaba parte do xurado nos convencese de que se trataba de algo importante e obrigar desa maneira o organismo convocante a encargar unha versión ao castelán para que a puidésemos ler antes de que se celebrase a última xuntanza, uns días máis tarde.

A sorpresa foi que, ao facer o escrutinio das papeletas, un dos libros vascos tivo dez votos. Todo o mundo puxo cara de sorpresa, houbo algunhas risiñas e todos quedamos convencidos de que na segunda votación non se repetiría aquel disparate. Porén, repetiuse. Uns por outros deberon pensar que a cousa caería soa, pero que un voto máis ou menos non tería importancia. Iso foi o que pasou.

Hai arredor de noventa anos, dous ilustres profesores da Universidade de Cambridge, Alfred North Whitehead e Bertrand Russell, publicaron unha obra de máis de dúas mil páxinas, os célebres Principia Mathematica, dos que se ten dito que só os entendían completamente os seus autores, o cal non é ningunha esaxeración. O propio Russell confesou que ese libro, segundo o que el sabía, non o leran máis de seis persoas. Pode ser. O que ocorre é queagora acaba de aparecer nunha lista das obras máis lidas no mundo no que vai de século. O curioso é que os mesmos membros do xurado que confeccionou a lista non se explica ben o que pasou.

Esta columna publicouse orixinalmente o 15 de xuño de 1999.