La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Vexo repetida estes días nos periódicos a fotografía do presidente de Bolivia, Jaime Paz Zamora, que recibiu a visita do seu colega español. Nada que recorde aquel mozo que nos anos sesenta, na época do fervor revolucionario e castrista dos estudantes de medio mundo, viña a Santiago de vacacións. Estouno vendo na casa de Aurichu Pereira, que logo se había converter na súa cuñada, cantando uns versos de Nicolás Guillén que dicían: “Soldado, aprende a tirar, que hay mucho que caminar, tú no me vayas a herir”. Era simpático, translucía unha delicadeza aprendida na educación exquisita dunha boa familia, tocaba ben a guitarra e sabía moitísimas historias da súa terra natal.

Sobriño de Paz Estensoro, entón presidente de Bolivia, militaba na oposición máis radical e tiña un irmán na guerrilla. Este último detalle facíao aínda máis interesante, pois a nós parecíanos que falando con el ou estreitando a súa man, tocabamos case o corpo mítico de Ernesto “Che” Guevara. Máis tarde, o irmán de Jaime Paz faríase famoso en todo o mundo porque, sendo cristián, era un guerrilleiro sen metralleta, pois as súas crenzas impedíanlle matar. Morreu de fame nun campamento acosado polas tropas gobernamentais e deixou un fermoso diario que se publicou en España.

Vendo as fotos de Jaime Paz Zamora nos periódicos, penso en todo aquilo que se foi perdendo nos últimos vinte anos: a ilusión de cambiar o mundo e construír un home novo, desligado de odiosos egoísmos, inmensamente xeneroso; a inocencia de pensar que había persoas honestas e boas (as de esquerdas) e tipos malintencionados e perversos (os de dereitas); a utopía fermosa de crer na posibilidade de implantar o paraíso na terra. Non hai dereito. Rachar tantos soños inocentes debía ser un delito penado co inferno máis terrible para os máis directamente responsables. O malo é que probablemente non hai responsables ou que, se os hai, sexamos nós mesmos.

Esta columna publicouse orixinalmente o 14 de xuño de 1992.