La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

O outro día que estiven en Ourense atopeime cun amigo de Xinzo de Limia, co cal me dediquei a informarme sobre persoas e acontecementos sucedidos ultimamente na miña vila. En canto pasa algún tempo, sempre hai novidades. Así souben, por exemplo,que a un señor que eu daba por vivo, resulta que está morto desde hai anos. Era un tendeiro con quen eu falaba moito. Tiña fama de mala persoa, un pouco ruín e atravesado, pero a min caíame simpático. Recoñezo que era algo raro, pero contaba as cousas moi ben.

Sabía vidas e famas, coñecía crimes e mortes violentas e atribuíalle aos curas toda clase de maldades, incluso a un capelán da vila, bastante infeliz, de quen dicía que levaba un coitelo metido no cinto. Ás veces, cando o tal tendeiro estaba irritado, botaba os clientes do negocio, sobre todo a xente que entraba sen saudar.

A un señor de Lamas que se lle repuxo ameazouno cunha vasoira, o cal quedaba moi ridículo, pero eu non me atrevín a rir por medo a que lle parecese unha burla. Os demais comerciantes desprezábano e consideraban que era un mal exemplo para o ramo. Non sei se sería para tanto. Aquel Victor Schoelcher que acabou coa escravitude nas colonias francesas e chegou a senador, de novo, cando traballaba na tenda do seu pai, se algún cliente lle discutía os prezos ou a calidade dos produtos, desafiábao a espada.

Esta columna publicouse orixinalmente o 13 de xuño de 1996.