La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Dicía eu onte aquí que o novelista ourensán Julio V. Gimeno tiña unha tendencia irrefreable a provocar desgrazas. Nunha ocasión, mentres descansaba bucolicamente no medio dun piñeiral en compaña do poeta Antón Tovar, de maneira involuntaria ocasionou un incendio. Por se fose pouco, debido a un erro de visión da persoa que os denunciou, a Garda Civil tirou a conclusión de que os dous escritores viaxaban nun coche con matrícula falsa. O asunto rematou desfavorablemente para ambos os dous no xulgado de Allariz.

Con frecuencia, os artigos que Gimeno escribía na prensa deron orixe a sancións gobernativas. Unha vez, por dicir que un garda civil que vivía no mesmo edificio que o novelista facía ruído a propósito para non deixalo durmir. Outra vez por tomar a broma o proxecto dun gobernador civil que pretendía facer o Miño navegable.

O peor de todo, non obstante, foi a catástrofe que provocou con Eduardo Blanco Amor, a quen lle dedicou un artigo moi desafortunado. Pensando que todo o mundo o ía felicitar pola graza con que estaba escrito, atopouse cun rexeitamento unánime. Pasou tempo magoado con aquela historia, recoñecendo que se portara mal. Anos despois, eu mesmo arranxei a reconciliación, que tivo lugar no café Miño. Aquel día, cada un estivo no seu papel: humilde Gimeno, mordaz Eduardo. Este dixo frases duras, pero falaba desde o perdón.

Esta columna publicouse orixinalmente o 12 de xuño de 1997.