La Voz de Galicia
Recuperación diaria das columnas de Á Marxe, escritas por Carlos Casares en "La Voz de Galicia"
Seleccionar página

Chegamos a Bordeos o sábado pola mañá, despois de pasar a noite no tren, durmindo de dous en dous, en departamentos de coche-cama. Podíase elixir a persoa acompañante, previo acordo, por suposto. Nada máis atravesar a fronteira, a Gran Voz repetiu en inglés, francés e alemán que estaban “desolados” porque a compañía española non nos servira o almorzo, pero que os franceses ían resolver o problema. Non era xusto, porque nos levantamos ás seis e media da mañá e ademais os ferrocarrís españois puxeron á nosa disposición un tren magnífico moi cómodo. Como ocorre ás veces, pagaron xustos por pecadores.

Polo demais, a organización francesa, moi ben. Todo funcionou como un reloxo, ao revés do que sucedera en Madrid. Despois de xantar, eu participei nunha mesa redonda, na Fnac, a célebre cadea de librerías, sobre as literaturas que se fan en España nas distintas linguas. O público seguiu o debate con moito interese e fixo preguntas.

Logo saín a dar unha volta pola cidade cun grupo de compañeiros e compañeiras, vimos unha procesión católica sen santos (en Francia, as manifestacións relixiosas na rúa están prohibidas desde a Revolución), pero presidida por un tren “chu-chú” cheo de globos e bandeiras. Tamén estivemos nunha tenda de viños cunhas enormes escaleiras de caracol, nas que segundo iamos subindo, os prezos facían o mesmo. Por último, asistimos a unha recepción no Concello, para que o alcalde, Alain Juppé, antigo primeiro ministro, nos dese a benvida. O domingo, toca día de descanso, sen mesas redondas nin rodas de prensa nin conferencias. Iremos visitar un par de adegas no campo.

Esta columna publicouse orixinalmente o 11 de xuño de 2000.